Código de Deontoloxía da Profesión Farmacéutica

PREÁMBULO

A lexislación atribúelles aos colexios profesionais, entre outras, a función de ordenar no ámbito da súa competencia a actividade profesional dos colexiados, velando pola dignidade e ética profesional e polo respecto debido dos dereitos das persoas.

En liña co anterior, o Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos considera necesario que exista un marco deontolóxico para o exercicio profesional, que os farmacéuticos deben ter presente na súa actuación, de acordo cuns principios éticos profesionais e tendo en conta as consecuencias que esta pode ocasionar na saúde das persoas. Todo isto co fin de orientar eticamente o seu labor profesional para o logro do mellor servizo á sociedade.

O obxectivo deste Código é complementar a normativa legal para garantir a calidade na atención e o mantemento dos principios éticos profesionais que a sociedade lle demanda á profesión farmacéutica, recollendo o compromiso desta profesión coa mellora da saúde e a calidade de vida das persoas, animais e medio e a súa vocación de servizo á sociedade, adaptando as normas deontolóxicas da profesión farmacéutica á nova realidade legal e social.

A redacción deste Código tivo en conta a natureza diversa das diferentes modalidades da profesión farmacéutica, establecendo regras e preceptos que poidan orientar a todos os farmacéuticos, calquera que sexa a modalidade do seu exercicio.

Así mesmo, ao ser este Código de obrigado cumprimento para os farmacéuticos, elaborouse co obxectivo de codificar só aquelas regras e preceptos que poidan ser asumidos por todos os farmacéuticos, con garantía de protexer a diversidade de posturas que lexitimamente os farmacéuticos poden adoptar perante os dilemas éticos que se suscitan no exercicio desta profesión, que co tempo evoluciona e asume novos retos, sen quebrantar a conciencia individual e as conviccións persoais de ninguén.

Este texto é susceptible de ser ampliado e desenvolvido para os farmacéuticos das diferentes modalidades profesionais e nos distintos niveis territoriais da organización farmacéutica colexial, con absoluto respecto ás súas competencias, para ordenar o exercicio profesional nos ámbitos territoriais que lles son propios, respectando os principios básicos neste Código recollidos.

O Código consta dun Preámbulo e 54 artigos distribuídos en catorce capítulos, nos que sucesivamente se tratan a definición e o ámbito de aplicación, os principios xerais do exercicio profesional, a actuación responsable e independente do farmacéutico, as relacións do farmacéutico co paciente/usuario, a calidade na dispensa e outros servizos profesionais, a comunicación e o uso das novas tecnoloxías aplicadas ao exercicio profesional, as relacións entre os farmacéuticos e dos farmacéuticos con outros profesionais sanitarios, as relacións coa sociedade e as administracións públicas, as relacións na organización farmacéutica colexial, as relacións coas institucións, centros ou establecementos onde se desempeña a profesión, a publicidade, a obxección de conciencia, a investigación e as publicacións profesionais e a docencia.

Este Código recolle os principios e as regras éticas que han de inspirar e guiar a conduta e as actuacións profesionais dos farmacéuticos.

Capítulo I

DEFINICIÓN E ÁMBITO DE APLICACIÓN

Artigo 1. Definicións

1- A Deontoloxía Farmacéutica é o conxunto de principios e regras éticas que han de inspirar a conduta e guiar as actuacións profesionais dos farmacéuticos.

2- O Código de Deontoloxía da Profesión Farmacéutica aprobado polo Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos contén os principios e as regras básicos inherentes á ética profesional no desenvolvemento da súa actividade.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

1- As disposicións recollidas neste Código obrigan a todos os farmacéuticos establecidos en España no exercicio da profesión, calquera que sexa a modalidade en que a practiquen, e sen prexuízo da existencia doutras normas deontolóxicas aprobadas no ámbito dos colexios oficiais de farmacéuticos.

2- Tamén serán de aplicación para os farmacéuticos establecidos no ámbito doutro Estado membro da Unión Europea cando exerzan a profesión de forma temporal ou ocasional en España.

3- As actuacións que desenvolvan as sociedades profesionais atópanse sometidas ao cumprimento deste Código, de maneira que a sociedade responderá deontoloxicamente das accións realizadas por un farmacéutico que exerza a súa actividade a través desta, sen prexuízo da responsabilidade profesional que o dito farmacéutico contraia a título individual.

4- Así mesmo, o conxunto de corporacións colexiais integradas na organización farmacéutica colexial deberá observar nas súas actuacións as disposicións contidas neste Código.

Artigo 3. Consecuencias do seu incumprimento

O incumprimento das obrigas contidas neste Código constitúe unha falta deontolóxica susceptible de ser corrixida de acordo cos procedementos e as normas disciplinarias establecidas nos respectivos estatutos dos diferentes colexios oficiais de farmacéuticos, dos consellos autonómicos de colexios oficiais e do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos.

Capítulo II

PRINCIPIOS XERAIS DO EXERCICIO PROFESIONAL

Artigo 4. Principios xerais da actuación profesional

1- No exercicio da súa profesión, o farmacéutico terá como obxectivo o servizo á sociedade e a mellora da saúde e a calidade de vida do paciente, e guiarase pola ética e deontoloxía.

2- O farmacéutico ten o deber de cumprir rigorosamente a legalidade vixente e de respectar as disposicións deste Código, adoptando un comportamento ético en todas as actuacións profesionais que leve a cabo.

3- O farmacéutico absterase de levar a cabo calquera actividade cuxos intereses poidan entrar en conflito coas súas obrigas deontolóxicas ou comprometer a súa independencia.

Artigo 5. Principios xerais de compromiso coa sociedade

1- O farmacéutico considerará prioritaria a mellora e o coidado da saúde da sociedade e anteporá este obxectivo aos seus lexítimos intereses particulares.

2- O farmacéutico exercerá a súa profesión procurando ser fiel á función sanitaria que desempeña, adaptándoa aos avances da ciencia farmacéutica en beneficio da poboación que asiste.

3- O farmacéutico contribuirá ao uso eficiente dos recursos humanos, tecnolóxicos, terapéuticos e económicos no exercicio da súa profesión e, moi especialmente, no que concirne ao uso destes cando estean sometidos ao réxime de financiamento público.

4- O farmacéutico contribuirá, na medida das súas posibilidades, ao bo funcionamento do sistema sanitario e ao mantemento dos principios éticos neste.

Artigo 6. Principios xerais de actuación co paciente

1- O farmacéutico exercerá a súa profesión de modo que respecte a dignidade e contribúa ao benestar e á saúde dos pacientes e evitará cantas accións socaven eses principios fundamentais.

2- O farmacéutico absterase de participar en calquera tipo de actuación contraria á legalidade na que os seus coñecementos e as súas habilidades se poñan ao servizo de actos que atenten contra a vida, a dignidade da persoa ou os dereitos humanos, sen prexuízo do disposto sobre o dereito á obxección de conciencia no Capítulo XII do presente Código.

3- O farmacéutico ten o deber de atender a todos os pacientes/usuarios coa mesma dilixencia e solicitude, sen que opere discriminación ningunha por razón de raza, sexo, idade, relixión, nacionalidade, opinión política ou condición social.

4- O segredo profesional é inherente ao exercicio da profesión farmacéutica e o farmacéutico está obrigado a salvagardar a intimidade do paciente/usuario.

5- O farmacéutico extremará o cumprimento dos deberes deontolóxicos e o compromiso coa súa profesión nas situacións de catástrofe, epidemia ou calquera outra situación de urxencia sanitaria.

Artigo 7. Principios xerais de colaboración

1- O farmacéutico colaborará con outros farmacéuticos e cos demais profesionais sanitarios para contribuír á mellora da saúde da poboación e á mellor atención sanitaria de cada paciente, nos termos previstos na lexislación vixente.

2- O farmacéutico colaborará coas administracións competentes en materia de sanidade e benestar social para facer efectivo o dereito á saúde das persoas.

3- O farmacéutico colaborará coa organización farmacéutica colexial para que esta poida levar a cabo os fins esenciais e as funcións que ten encomendados.

Artigo 8. Principios xerais de capacidade, competencia e actualización de coñecementos

1- O farmacéutico deberá manter e actualizar os coñecementos científicos, técnicos e legais nos que ten baseada a súa competencia profesional para garantir o desempeño das súas actuacións profesionais cos axeitados niveis de calidade.

2- O farmacéutico deberá levar a cabo a súa actividade profesional con honestidade, rigor, dilixencia e responsabilidade, e absterase de realizar actuacións profesionais para as que non estea debidamente capacitado ou que sexan alleas ás competencias profesionais para as que o faculta a súa titulación, consonte a lexislación vixente.

Capítulo III

DA ACTUACIÓN RESPONSABLE E INDEPENDENTE DO FARMACÉUTICO

Artigo 9. Exercicio profesional conforme á legalidade

1- A profesión farmacéutica, como profesión sanitaria titulada e regulada, require para o exercicio desta en calquera das súas modalidades cumprir os requisitos previstos no ordenamento xurídico vixente.

2- O farmacéutico velará por que todas as súas actuacións profesionais se realicen con pleno respecto ás leis e demais disposicións reguladoras da profesión e, dentro do previsto por estas, ás da libre competencia.

3- O farmacéutico deberá coñecer as incompatibilidades establecidas pola lexislación vixente que afectan a actividade ou modalidade profesional que exerce ou desexa exercer.

4- O farmacéutico non debe facilitar, encubrir ou amparar o exercicio ilegal da profesión, comunicándolle a dita circunstancia, cando a coñeza, á organización farmacéutica colexial e/ou ás autoridades sanitarias competentes.

5- O farmacéutico debe respectar o ámbito das competencias específicas dos seus colaboradores, sen que isto o exima da súa responsabilidade propia, conforme á legalidade vixente.

Artigo 10. Capacidade para o exercicio profesional

1- A capacidade profesional do farmacéutico fundaméntase na súa titulación, os seus coñecementos e a súa experiencia, polo que estes deben ser adecuados para desenvolver as tarefas que cada farmacéutico execute no seu traballo.

2- No caso de que o farmacéutico advirta que, por razóns de idade, enfermidade, efectos do uso dalgunha substancia ou calquera outra causa, poidan verse minguadas as súas aptitudes físicas ou psíquicas e isto comprometa a súa capacidade profesional, deberá suspender ou modificar a súa actividade profesional ata que, se é o caso, cesen as causas que motivaron a dita suspensión ou modificación.

3- Se as circunstancias descritas no apartado anterior non fosen advertidas polo farmacéutico que as sofre e si o fosen por outro compañeiro, este procurará comunicarllo e, en caso necesario, poderá poñelo en coñecemento do colexio de farmacéuticos competente, en beneficio do interese dos pacientes e usuarios.

Artigo 11. Actualización dos coñecementos profesionais e formación continuada

1- Para un correcto desenvolvemento da súa actividade profesional, constitúe un deber ético, un dereito e unha responsabilidade ineludible do farmacéutico a actualización da súa formación e dos seus coñecementos profesionais ao longo da súa vida profesional activa.

2- A organización farmacéutica colexial debe promover e facilitar o acceso dos farmacéuticos á formación continuada.

Artigo 12. Compromiso coa evidencia científica e a calidade técnica

1- O farmacéutico ten un compromiso coa evidencia científica. En todo caso, deberá absterse de ofrecer produtos e/ou servizos ilusorios que se propoñan como eficaces.

2- Cando o farmacéutico proporcione consello profesional, este debe basearse sempre en criterios profesionais, adecuados ao coñecemento científico vixente, evitando calquera consideración que non sexa o lexítimo interese do paciente.

3- O farmacéutico debe coñecer os protocolos de práctica clínica e asistencial, baseados na evidencia científica e os medios dispoñibles, que lle sexan de aplicación no seu ámbito de actuación profesional.

4- O farmacéutico ha de proporcionar unha información veraz, científica e avaliada dos medicamentos, produtos sanitarios e aqueloutros produtos comprendidos dentro do seu ámbito de actuación, debendo a dita información ser sempre axeitada á legalidade vixente e aos coñecementos científicos do momento.

5- O farmacéutico debe prestar un especial coidado e evitar a promoción e uso de produtos que non se axusten ás regulamentacións técnico-sanitarias e a promoción daqueles prohibidos pola lexislación que regula os produtos de pretendida finalidade sanitaria.

Artigo 13. Independencia do criterio profesional

1- O farmacéutico debe desempeñar a súa actividade profesional con plena autonomía técnica e científica, sen máis limitacións que as establecidas polo ordenamento xurídico vixente e os principios deontolóxicos de aplicación, rexeitando calquera traba ou impedimento á súa independencia profesional e sen coaccións.

2- O farmacéutico procurará realizar a súa actividade en termos de máxima imparcialidade cando se atope perante intereses persoais ou institucionais contrapostos. No caso de que, por obriga legal ou pola natureza xurídica da relación en virtude da cal se exerce a profesión, o farmacéutico se vise forzado a actuar segundo criterios profesionais diferentes dos seus, poderá facelo constar por escrito e dar traslado do dito escrito ao colexio, coa salvagarda, en todo caso, do segredo profesional e sen menoscabo da eficacia da súa actuación.

3- O farmacéutico debe garantir a independencia das súas actuacións en relación coa dispensa de medicamentos, polo que se absterá de aceptar incentivos económicos por parte de quen teña intereses na produción, fabricación ou comercialización destes, agás os permitidos pola lexislación vixente.

Artigo 14. Responsabilidade por danos causados no exercicio da profesión

1- A actuación do farmacéutico está baseada na súa formación, a súa experiencia e a responsabilidade que lle corresponde como profesional, polo que asumirá as consecuencias negativas das súas actuacións profesionais que lexitimamente lle correspondan, ofrecendo, se é o caso, o interesado unha explicación veraz, clara, honrada eaxeitada á situación.

2- Todo farmacéutico debe dispoñer da axeitada cobertura da responsabilidade das súas actuacións profesionais para cubrir as indemnizacións que, se é o caso, poidan derivarse dun eventual dano causado ás persoas con ocasión da prestación dos seus servizos profesionais.

3- O farmacéutico responde persoalmente dos danos que cause no exercicio da súa profesión como propietario e titular dunha oficina de farmacia.

Capítulo IV

DAS RELACIÓNS DO FARMACÉUTICO CO PACIENTE/USUARIO

Artigo 15. Prioridade do dereito á saúde e calidade de vida dos pacientes

1- É responsabilidade do farmacéutico contribuír coa súa actuación á mellora da saúde e calidade de vida do paciente, promovendo o seu dereito á prevención da enfermidade e a tratamentos terapéuticos eficaces e seguros, antepoñendo a dita responsabilidade a calquera outra consideración e interese lexítimo, incluídos os seus propios intereses persoais, profesionais ou económicos.

2- O farmacéutico atenderá coa máxima dilixencia, rigor e prudencia as necesidades dos pacientes dentro do seu ámbito de competencias, e baixo ningunha circunstancia prexudicará intencionadamente o paciente.

3- As diferenzas de opinión e queixas dos pacientes non deben afectar negativamente a calidade da asistencia que se lles preste.

Artigo 16. Consentimento e liberdade de elección do paciente

1- Toda actuación no ámbito da saúde que teña como destinatario un paciente ou usuario require o consentimento informado, libre e voluntario deste. O farmacéutico deberá respectar a súa decisión, nos termos establecidos na lexislación.

2- O farmacéutico deberá respectar en todo momento a liberdade do paciente de elixir o centro ou establecemento sanitario, sen que por iso poida este sufrir menoscabo ningún na calidade da atención que se lle preste.

Artigo 17. Respecto á dignidade do paciente e o principio de non-discriminación

1- O farmacéutico debe respectar a dignidade das persoas que atende e a autonomía da súa vontade, preservando a súa intimidade.

2- O farmacéutico deberá asegurarse ou, se é o caso, propoñerlles aos responsables das instalacións nas que lles presta a súa asistencia aos pacientes, de que estas son adecuadas para garantir o respecto e a dignidade que os pacientes merecen e que contan cos medios técnicos necesarios para levala a cabo de forma correcta.

3- O farmacéutico establecerá co paciente/usuario unha comunicación que humanice e facilite o acto profesional, dedicando o tempo suficiente e axeitado para iso.

4- O farmacéutico deberá coidar a súa actitude, linguaxe, formas, imaxe e, en xeral, a súa conduta para favorecer a mellor atención aos pacientes/usuarios.

5- O farmacéutico desempeñará a súa actividade profesional sen discriminación ningunha por razón de idade, sexo, raza, relixión, ideoloxía, nacionalidade ou calquera outra diferenza, debendo respectar as conviccións morais e relixiosas dos pacientes/usuarios, absténdose de impoñerlle as propias, asesorando unicamente segundo criterios estritamente profesionais e atendendo a todos coa mesma dilixencia e solicitude.

Artigo 18. Dereito á información do paciente ou usuario

1- O farmacéutico deberá proporcionarlle a información ao paciente/usuario de xeito obxectivo, actualizado, sinxelo e axeitado ás posibilidades de comprensión da persoa á que atende, debendo ademais facelo por escrito se así llo solicitan.

2- Os pacientes e usuarios teñen o dereito de coñecer a identidade e cualificación do profesional que os atende.

3- O farmacéutico debe preservar o dereito dos pacientes e usuarios a que se respecte a súa vontade de non ser informados.

Artigo 19. Dereito á intimidade do paciente ou usuario

1- O farmacéutico, no exercicio da profesión, mostrará un respecto escrupuloso polo dereito á intimidade dos pacientes/usuarios que atende.

2- O farmacéutico unicamente solicitará das persoas que atende a información estritamente necesaria para o axeitado desempeño da súa actividade profesional, protexendo e salvagardando a confidencialidade dos seus datos consonte a legalidade vixente.

3- Nos termos previstos na lexislación vixente, non existirá vulneración do dereito á intimidade cando o paciente, consciente e voluntariamente, permita a presenza dalgún familiar ou persoa de confianza.

Artigo 20. O segredo profesional

1- A información de carácter persoal que o farmacéutico coñeza froito do desempeño do seu exercicio profesional está suxeita ao deber de segredo profesional. O segredo profesional obriga a todos os farmacéuticos en todas as súas actuacións, calquera que sexa a súa modalidade de exercicio.

2- O deber de segredo profesional só poderá ser eximido polo consentimento expreso e inequívoco do interesado, por mandato xudicial ou en cumprimento dos deberes de comunicación ou denuncia en calquera dos supostos previstos pola lexislación, nas condicións que esta estableza. Excepcionalmente, este deber poderá ser tamén eximido cando estean en perigo a vida ou os dereitos fundamentais doutra ou doutras persoas, que deberán prevalecer fronte ao deber de segredo profesional.

3- O farmacéutico velará por que os seus colaboradores se ateñan estritamente ao deber de segredo profesional.

4- O falecemento do paciente ou usuario non libera o farmacéutico das obrigas do segredo profesional.

Capítulo V

DA CALIDADE NA DISPENSA E OUTROS SERVIZOS PROFESIONAIS

Artigo 21. O dereito das persoas a obter os medicamentos

1- As persoas teñen o dereito e os farmacéuticos o deber de que a dispensa dos medicamentos ao público sexa realizada nas condicións legal e regulamentariamente establecidas.

2- O farmacéutico non dispensará un medicamento cando lle xurdan dúbidas razoables sobre a autenticidade ou validez da receita médica presentada por un paciente ou usuario, agás que poida comprobar a lexitimidade da prescrición. No caso contrario, deberá informar as autoridades sanitarias competentes nos termos previstos na normativa vixente.

3- Para o exercicio do dereito á obxección de conciencia polo farmacéutico, deberá, en todo caso, quedar garantido o dereito das persoas á protección da súa saúde e de acceso aos medicamentos.

Artigo 22. A axeitada dispensa de medicamentos e doutros produtos do ámbito de actuación do farmacéutico

1- O farmacéutico, cando dispense un medicamento ou outros produtos do seu ámbito de actuación, deberá proporcionarlle á persoa a quen llo dispense información sobre o seu uso axeitado e racional, facilitando, se é o caso, información relativa á súa indicación, posoloxía, interaccións, contraindicacións, efectos adversos, conservación ou calquera outra información necesaria para garantir o seu uso en condicións de seguridade e eficacia.

2- A información referida no parágrafo anterior deberá realizarse segundo os criterios establecidos no artigo 18 deste Código. Ademais, o farmacéutico deberá absterse de promover expectativas terapéuticas inadecuadas.

3- O farmacéutico que dispense medicamentos deberá velar polo seu uso responsable e pola prevención do seu abuso.

4- O farmacéutico responsable do establecemento ou servizo farmacéutico velará por que a identidade e cualificación dos outros farmacéuticos e colaboradores que desempeñan a súa actividade neste resulte accesible para os pacientes e usuarios.

5- Os principios deste Código serán aplicables a todas as dispensas, calquera que sexa o medio de prescrición, electrónico ou en formato papel.

Artigo 23. Servizos profesionais ofrecidos aos pacientes

1- O farmacéutico poderá ofrecerlle ao paciente servizos profesionais para os que o faculte a súa titulación, sempre que cumpra cos requisitos que estableza a lexislación vixente. Así mesmo, deberá asegurarse de que conta cos recursos humanos e materiais necesarios para levalos a cabo con garantías abondas de calidade e seguridade.

2- O farmacéutico deberá ofrecer previamente toda a información necesaria para que o paciente ou destinatario do servizo preste o seu consentimento informado, logo de coñecemento das características e finalidades do servizo ofrecido, a súa metodoloxía, os obxectivos que persegue e os dereitos que o asisten.

3- O farmacéutico que ofreza un servizo profesional ao paciente deberá asegurarse de que a asistencia sexa de calidade e axeitada ás necesidades do paciente, e procurará non crear falsas expectativas que non poida satisfacer profesionalmente.

Artigo 24. Historial fármaco-terapéutico e outra documentación clínica.

1- O farmacéutico que, co obxecto de levar a cabo actuacións profesionais, realice calquera tratamento de datos de carácter persoal do paciente, deberá cumprir con todos os requirimentos que estableza a normativa vixente sobre protección de datos de carácter persoal, co obxectivo de garantir a confidencialidade e seguridade destes.

2- O paciente ten dereito a coñecer e ter acceso ao historial fármaco-terapéutico ou a outra documentación clínica que del posúa o farmacéutico, exceptuando as anotacións subxectivas deste último, así como a solicitar copia deste ou a cancelación do procedemento en calquera momento, nos termos que estableza a legalidade vixente.

3- Os datos contidos no historial fármaco-terapéutico ou noutra documentación clínica dun paciente poderán utilizarse con fins de análise científica, estatística ou docente sempre que se respecte rigorosamente a confidencialidade dos datos dos pacientes, de maneira que non se permita a súa identificación, nin directa nin indirectamente, e cumprindo, en todo caso, cos requisitos que estableza a normativa vixente.

Capítulo VI

DA COMUNICACIÓN E O USO DAS NOVAS TECNOLOXÍAS APLICADAS NO EXERCICIO PROFESIONAL

Artigo 25. Actuacións profesionais a distancia ou por medios telemáticos.

1- Unicamente poden dispensarse a distancia ao público os medicamentos permitidos para esta forma de dispensa dende os establecementos autorizados para o efecto, nos termos previstos na lexislación vixente e cos requisitos que esta estableza.

2- Cando a actuación profesional do farmacéutico se desenvolve a distancia, deben manterse as responsabilidades deontolóxicas existentes na actuación presencial, con especial énfase en reforzar os valores de transparencia, información, confianza e confidencialidade, cumprindo en todo caso coa lexislación vixente ao respecto.

3- Cando se utilicen aplicacións e ferramentas informáticas para a prestación dun servizo aos pacientes ou usuarios, o farmacéutico deberá coñecer previamente as condicións de privacidade e uso destas para asegurarse de que a confidencialidade dos datos está debidamente asegurada e que son respectuosas coas obrigas legais e deontolóxicas de aplicación.

4- A prestación a distancia de servizos profesionais require que a identificación mutua entre farmacéutico e destinatario do servizo sexa clara, que quede asegurada a intimidade, seguridade e confidencialidade das comunicacións e os seus datos, e que a relación presencial non sexa necesaria para o bo fin da prestación do servizo cos axeitados niveis de calidade. Así mesmo, o farmacéutico deberá asegurarse de que os destinatarios poden contactar con el de xeito directo e efectivo sen dificultades.

5- As actividades de contratación de servizos con pacientes ou usuarios realizadas a través de medios telemáticos deben respectar a normativa legal vixente e, de xeito especial, os valores, dereitos e principios recoñecidos neste Código.

Artigo 26. Criterio profesional nos medios de comunicación e na internet.

1- Cando o farmacéutico interveña identificado como tal nos medios de comunicación, na internet e en redes sociais para ofrecer o seu criterio sobre aspectos relativos á súa profesión, ha de asegurarse de que a información que emita sexa comprensible, veraz, ponderada, prudente, sinxela e axustada á legalidade vixente e axeitada ás necesidades do foro no que se emite.

2- O farmacéutico debe evitar lanzar mensaxes de modo indiscriminado que poidan espertar alarma social ou que sementen confusión ou dúbidas respecto do coidado e mantemento da saúde ou da prevención da enfermidade da poboación.

3- As obrigas deontolóxicas do farmacéutico non se dilúen polo feito de que o receptor da información por el transmitida sexa múltiple e descoñecido.

4- Se o farmacéutico detecta información non veraz ou presuntamente ilegal transmitida por outro farmacéutico, identificado como tal, que poida xerar riscos na saúde da poboación, debería poñelo en coñecemento da organización farmacéutica colexial, sen prexuízo da súa comunicación ás autoridades sanitarias competentes.

5- Cando se manifesten discrepancias sobre cuestións profesionais con outros farmacéuticos ou profesionais sanitarios en medios de comunicación, na internet ou en redes sociais, o farmacéutico debe evitar sempre as descualificacións persoais e as aldraxes, así como o escándalo e desprestixio público da profesión.

Artigo 27. Uso axeitado da receita electrónica.

1- O farmacéutico é responsable da custodia e do bo uso do dispositivo ou mecanismo habilitado para a súa identificación persoal que permita acceder ao sistema de receita electrónica, e non deberá permitir que outro compañeiro, colaborador ou calquera outra persoa faga uso deste.

2- A dispensa dun medicamento ou produto sanitario a través do sistema de receita electrónica só deberá realizarse cando se dean as condicións para ser dispensado conforme á normativa vixente, aínda que o sistema electrónico, por erro ou outro motivo, permita tecnicamente a súa dispensa.

Capítulo VII

DAS RELACIÓNS ENTRE OS FARMACÉUTICOS E DOS FARMACÉUTICOS CON OUTROS PROFESIONAIS SANITARIOS

Artigo 28. Práctica colaborativa con outros profesionais sanitarios.

1- O exercicio da profesión farmacéutica está ao servizo da sociedade e da mellora da saúde e a calidade de vida do paciente, polo que é conveniente a colaboración interdisciplinaria con outros profesionais sanitarios que perseguen eses obxectivos, tendo en consideración as opinións destes, sen prexuízo do debido respecto ás competencias de cada un deles.

2- O farmacéutico cooperará con outros farmacéuticos e profesionais sanitarios compartindo os seus coñecementos científicos e habilidades técnicas en beneficio dos pacientes.

Artigo 29. Sobre a relación entre farmacéuticos.

1- Os farmacéuticos deben tratarse entre si con respecto, lealdade e integridade, sexa cal for a relación xerárquica que exista entre eles.

2- O farmacéutico absterase de criticar despectivamente as actuacións profesionais dos seus compañeiros, especialmente en presenza dos pacientes e usuarios.

3- As desavinzas ou os desacordos sobre asuntos profesionais non deben dar lugar a polémicas públicas que supoñan o desprestixio da profesión.

4- O farmacéutico debe esforzarse por resolver as controversias con outros farmacéuticos derivadas do seu exercicio profesional de xeito construtivo, podendo para iso someterse á mediación dos colexios de farmacéuticos, sen prexuízo da tutela xudicial que lexitimamente lle corresponda.

5- O farmacéutico non debe formular acusacións inxustas ou infundadas ni transmitir información enganosa ou errónea que prexudique ou desprestixie outro farmacéutico. Así mesmo, o farmacéutico defenderá, na medida das súas posibilidades, o compañeiro que sexa obxecto de ataques ou denuncias inxustas.

6- Se un farmacéutico tivese coñecemento de que outro compañeiro está sendo sometido a acoso moral ou a coaccións no seu exercicio profesional, procurará poñer esta circunstancia en coñecemento do colexio de farmacéuticos competente.

Artigo 30. Traballo en equipo.

1- O farmacéutico que ostente a dirección dun equipo velará por que exista un ambiente de esixencia ética e de tolerancia respecto da diversidade de opinións profesionais.

2- O farmacéutico debe respectar as actuacións dos seus compañeiros e outros profesionais sanitarios, observando o disposto no Capítulo XII do presente Código sobre a obxección de conciencia. En calquera caso, deberá evitarse calquera limitación dos dereitos dos pacientes e usuarios á dispensa farmacéutica.

3- O traballo en equipo non impedirá que o paciente coñeza que profesional asume a responsabilidade concreta de cada actuación asistencial nin afectará as obrigas de información que a cada profesional lle corresponden.

4- A responsabilidade individual do farmacéutico non desaparece nin se dilúe polo feito de traballar en equipo. O farmacéutico ten o deber de preservar a confidencialidade do total dos datos coñecidos do paciente.

Artigo 31. Competencia desleal.

O farmacéutico non pode levar a cabo actuacións que poidan ser consideradas competencia desleal pola lexislación vixente, e en especial calquera conduta tendente a lograr unha vantaxe competitiva adquirida mediante a infracción da legalidade ou calquera encamiñada a limitar ou restrinxir a liberdade de elección dos pacientes e usuarios.

Capítulo VIII

DAS RELACIÓNS COA SOCIEDADE E AS ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

Artigo 32. Promoción da saúde e prevención da enfermidade da poboación.

1- O farmacéutico, no ámbito das súas competencias e na medida das súas posibilidades, debe contribuír a previr a enfermidade e a protexer e promover a saúde e a calidade de vida da poboación, fomentando a súa educación sanitaria e promovendo hábitos de vida saudables.

2- O farmacéutico ten o deber de fomentar a educación da poboación sobre o axeitado uso dos medicamentos, o seu emprego racional e a prevención do seu abuso e procurará apoiar as iniciativas que para iso se desenvolvan en colaboración coas asociacións de pacientes.

3- O farmacéutico colaborará con dilixencia e eficacia nos programas que promovan as administracións sanitarias sobre garantía de calidade da asistencia farmacéutica e da atención sanitaria en xeral, cando para iso sexa requirido por estas.

4- En casos de catástrofes ou urxencias sanitarias, o farmacéutico colaborará nas tarefas de auxilio sanitario.

Artigo 33. Vixilancia da saúde pública.

1- Os farmacéuticos colaborarán, no ámbito das súas competencias, nos programas que as administracións sanitarias establezan para detectar e corrixir problemas potenciais que poidan afectar a saúde da poboación.

2- Os farmacéuticos teñen a obriga de comunicarlles con celeridade ás autoridades sanitarias competentes en materia de farmacovixilancia as sospeitas de reaccións adversas das que teñan coñecemento e que puidesen ser causadas por medicamentos de uso humano e veterinarios.

3- Os farmacéuticos colaborarán, na medida das súas posibilidades, nos programas que as administracións sanitarias establezan para detectar e corrixir problemas potenciais relacionados cos medicamentos, produtos sanitarios, cosméticos e outros produtos comprendidos dentro do seu ámbito de actuación, aínda que excedan das obrigas legais.

4- Os farmacéuticos que coñezan feitos, datos ou circunstancias que puidesen constituír un risco ou perigo grave para a saúde da poboación deben poñelo en coñecemento das autoridades sanitarias.

Artigo 34. Compromiso ético profesional coa calidade na regulación.

1- O farmacéutico, sen prexuízo do obrigado cumprimento das disposicións legais, esforzarase en colaborar coa organización farmacéutica colexial para velar polo respecto dos principios contidos neste Código e procurará cooperar, na medida das súas posibilidades, na súa modificación cando, segundo o seu criterio científico e técnico, considere que con isto se contribúe a un maior beneficio para os pacientes e a sociedade.

2- Sendo o sistema sanitario o instrumento principal da sociedade para a atención e promoción da saúde, o farmacéutico contribuirá, na medida das súas posibilidades, a que a utilización dos recursos neste se realice con criterios de ecuanimidade, obxectividade e transparencia.

3- O farmacéutico, na medida das súas posibilidades e no ámbito da súa actividade profesional, esforzarase para que as medidas que legal ou regulamentariamente se establezan tendentes a racionalizar o gasto sanitario e farmacéutico teñan presente a eficiencia salvagardando a calidade asistencial.

Artigo 35. Loita contra a dopaxe no deporte.

1- O farmacéutico absterase de participar en actividades ou na prestación de servizos ou calquera outro medio que contribúa directa ou indirectamente á mellora do rendemento dos deportistas de forma fraudulenta.

2- O farmacéutico alertará o paciente ou usuario no caso de medicamentos susceptibles de producir dopaxe no ámbito da actividade deportiva.

Artigo 36. Protección do medio.

1- O farmacéutico está obrigado a procurar unha correcta eliminación e destrución de todo o material utilizado na súa actividade profesional e a unha axeitada xestión dos residuos que xera, cumprindo a legalidade vixente na materia.

2- Os farmacéuticos deberán asesorar, informar e fomentar que as persoas depositen os envases e os residuos dos medicamentos utilizados no ámbito doméstico nos lugares habilitados para o efecto.

Capítulo IX

DAS RELACIÓNS NA ORGANIZACIÓN FARMACÉUTICA COLEXIAL

Artigo 37. Relacións do farmacéutico coa organización farmacéutica colexial

1- As persoas que ostenten a titulación en Farmacia e reúnan as condicións sinaladas estatutariamente terán dereito a ser admitidas no colexio que lles corresponda. Así mesmo, os farmacéuticos deberán estar colexiados cando así o dispoña a lexislación vixente.

2- O farmacéutico colexiado ten o dereito de participar nas tarefas colexiais e o deber de prestar a súa colaboración cando sexa requirida, así como de contribuír ás cargas económicas que lle correspondan.

3- O farmacéutico colexiado está obrigado a cumprir coas normas, regulamentos, acordos e resolucións aprobados polos órganos de goberno do Consello Xeral, dos consellos autonómicos e dos colexios, en todo aquilo que lle sexa de aplicación.

4- O farmacéutico colexiado, calquera que sexa a súa situación profesional e con independencia do cargo que ocupe, ten o deber de responder aos requirimentos, citacións ou calquera tipo de chamamentos que se lle fagan dende os órganos de goberno do Consello Xeral, dos consellos autonómicos e dos colexios.

5- O farmacéutico colexiado pode comunicarlle ao seu colexio calquera presunta infracción deste Código da que teña coñecemento.

6- O farmacéutico colexiado deberá subministrar con celeridade, dilixencia e exactitude aqueles datos persoais que afecten a súa situación profesional e sexan precisos para elaborar e manter actualizados os rexistros que, legal ou estatutariamente, sexan procedentes.

7- O farmacéutico colexiado non pode atribuírse, por si só ou mediante sociedades profesionais, científicas ou non, a representación da profesión perante as administracións públicas sen mandato expreso da organización colexial, que exerce a representación exclusiva da profesión.

Artigo 38. Obrigas deontolóxicas da organización farmacéutica colexial.

1- É responsabilidade prioritaria da organización farmacéutica colexial a ordenación do exercicio da profesión, así como velar pola ética e dignidade profesional e polo debido respecto aos dereitos dos pacientes e usuarios dos servizos prestados polos farmacéuticos.

2- A organización farmacéutica colexial asumirá a responsabilidade da promoción, o desenvolvemento e a difusión da deontoloxía farmacéutica e do presente Código, e comprométese a procurar o cumprimento dos preceptos contidos neste.

3- A organización farmacéutica colexial, nos seus diferentes ámbitos territoriais, velará por e adoptará as medidas conducentes a lograr que as disposicións legais que se promulguen sexan respectuosas cos valores e principios recollidos neste Código.

4- A organización farmacéutica colexial prestaralles aos farmacéuticos a axuda necesaria para resolver cantas dúbidas poida ocasionar o cumprimento dos preceptos contidos neste Código.

5- A organización farmacéutica colexial colaborará coas autoridades académicas para promover a calidade dos estudos de Farmacia, destacando a importancia da docencia en ética e deontoloxía.

6- A organización farmacéutica colexial ten o deber de promover e colaborar coas autoridades para o establecemento efectivo dun sistema de recoñecemento do desenvolvemento profesional individualizado alcanzado polos farmacéuticos canto a coñecementos e experiencia en tarefas asistenciais, docentes e de investigación, quer froito da actividade profesional realizada por estes por conta allea (no sector público ou privado) ou por conta propia.

7- O Consello Xeral comprométese a revisar periodicamente o presente Código e a actualizalo cando sexa conveniente.

Artigo 39. Relacións entre as distintas corporacións integradas na organización farmacéutica colexial.

1- As distintas corporacións integradas na organización farmacéutica colexial están obrigadas a relacionarse entre si con suxeición aos principios de lealdade, mutua colaboración e dilixencia, cooperando entre elas para o logro efectivo dos seus fins esenciais e actuando con pleno respecto das competencias que, segundo a normativa legal e estatutaria vixente, a cada unha lle correspondan.

2- As normas de carácter deontolóxico emanadas dos colexios oficiais de farmacéuticos e dos seus consellos autonómicos, se é o caso, deberán respectar os principios e valores contidos no presente Código, sen prexuízo das particularidades derivadas do seu ámbito territorial.

3- Os colexios oficiais de farmacéuticos servirán de canle para relacionar os farmacéuticos neles colexiados co Consello Xeral e cos consellos autonómicos de colexios, se é o caso, cando sexan requiridos por estes.

4- Os colexios oficiais de farmacéuticos deberán comunicarlles con dilixencia, exactitude e celeridade ao Consello Xeral e aos consellos autonómicos de colexios, se é o caso, os datos persoais relativos ao exercicio e a situación profesional dos seus colexiados que sexan precisos para elaborar e manter actualizados os rexistros que sexan da súa competencia, consonte o previsto na normativa legal e/ou estatutaria correspondente.

Artigo 40. Deberes deontolóxicos dos farmacéuticos que ocupen cargos directivos nos órganos de goberno da organización farmacéutica colexial.

Os farmacéuticos que ocupen cargos directivos nos órganos de goberno da organización farmacéutica colexial deberán:

a) Actuar en todo momento con plena observancia das normas legais, estatutarias e deontolóxicas de aplicación, axustando as súas resolucións, decisións e acordos a estas, así como mostrar unha conduta exemplar en todas as súas actuacións e promover, baixo os principios de eficacia e eficiencia, o interese común da organización farmacéutica colexial, da profesión e de todos os colexiados.

b) Ser respectuosos co funcionamento democrático desta, polo que non obstruirán de forma ningunha as lexítimas actuacións das xuntas ou asembleas, nin impedirán o exercicio libre e responsable do dereito a decidir os asuntos por votación. Así mesmo, terán en conta e serán respectuosos coas opinións das minorías colexiais.

c) Preservar como secreta a información e documentación relacionada coas cuestións deontolóxicas dos colexiados e gardar segredo sobre calquera asunto que coñecesen como consecuencia do exercicio do seu cargo.

d) Absterse de utilizar os cargos colexiais con fins alleos ao interese institucional e render contas da súa xestión perante as asembleas xerais das súas corporacións co maior rigor e transparencia.

e) Manter unha conduta acorde cos obxectivos do cargo que desempeñan, polo que deben subordinar a estes calquera outra conveniencia ou interese particular, mesmo que sexan lexítimos. O seu comportamento nunca implicará abuso de poder e nin sequera infundirán sospeita disto.

f) Manifestar a existencia de calquera tipo de conflito de intereses que puidese afectalos, habendo de absterse de intervir nas deliberacións e decisións a que se refira o conflito ou se puidese verse comprometida a súa obxectividade.

g) Evitar, na súa relación cos medios de comunicación, a confusión das súas opinións persoais coas da corporación que representan.

Capítulo X

DAS RELACIÓNS COAS INSTITUCIÓNS, CENTROS OU ESTABLECEMENTOS ONDE SE DESEMPEÑA A PROFESIÓN

Artigo 41. Deberes do farmacéutico con responsabilidade na xestión de institucións, centros ou establecementos sanitarios.

Os farmacéuticos con responsabilidade na xestión de institucións, centros ou establecementos sanitarios velarán por:

a) Que na área da súa responsabilidade se cumpran os requisitos esixibles de calidade asistencial e o mantemento dos principios deontolóxicos.

b) Que as prestacións asistenciais que se ofrezan nestes se adapten ás necesidades da poboación que atenden e aos recursos existentes, promovendo que non se ofrezan servizos asistenciais sen a debida dotación de medios humanos e materiais.

c) Que a relación dos farmacéuticos que desempeñan a súa profesión nestes cos pacientes sexa a adecuada, preservando a intimidade, confidencialidade e o resto de dereitos que asisten os pacientes.

d) Que dende estes non se leven a cabo actividades ou funcións alleas ás que lle son propias a ese tipo de entidade conforme á súa natureza, de acordo ao disposto pola lexislación.

e) Que as condicións do exercicio profesional dos farmacéuticos que desempeñen a súa profesión neles sexan acordes coas esixidas por este Código e se respecte a súa independencia profesional.

f) Que se articulen, na medida en que o permita a capacidade de cada centro ou establecemento, procedementos para o recoñecemento do desenvolvemento profesional e a carreira dos farmacéuticos que exercen a súa profesión neles.

Artigo 42. Deberes do farmacéutico en relación coas institucións, centros ou establecementos onde exerce a súa profesión cando non é o responsable da súa xestión.

Os farmacéuticos, en relación coas institucións, centros ou establecementos onde exerzan a súa profesión e cando non sexan os responsable da súa xestión, deberán:

a) Velar polo prestixio da institución, centro ou establecemento onde traballen, e contribuír a facer un uso eficiente dos recursos que poñan á súa disposición.

b) Poñer en coñecemento da súa dirección as deficiencias de calquera orde que poidan afectar a calidade asistencial ou influír no comportamento deontolóxico das súas actuacións, para que poidan ser emendadas. Non obstante o anterior, no caso de que considerasen que as deficiencias son graves e estas non fosen debidamente emendadas, procurarán poñelo en coñecemento do seu colexio e/ou das autoridades sanitarias, segundo corresponda, en beneficio dos pacientes.

c) Asegurarse de que a calidade da súa actividade asistencial e a súa independencia profesional non se vexan comprometidos pola percepción de incentivos.

Capítulo XI

DA PUBLICIDADE

Artigo 43. Publicidade dos medicamentos, produtos sanitarios e outros produtos.

1- Os farmacéuticos que participen en actividades de publicidade de medicamentos e de produtos sanitarios deberán asegurarse de que esta cumpre con todos os requisitos e esixencias establecidos na lexislación vixente sobre a materia.

2- En todo caso, o farmacéutico non poderá realizar publicidade de fórmulas maxistrais e preparados oficinais, consonte o disposto na lexislación.

3- O farmacéutico que participe en actividades de publicidade e promoción comercial de produtos, materiais, substancias ou métodos aos que se atribúan efectos beneficiosos sobre a saúde das persoas deberá asegurarse de que estas actividades se realicen segundo o establecido na lexislación específica sobre a materia.

Artigo 44. Publicidade dos servizos profesionais.

1- O farmacéutico deberá axustar a súa conduta en materia de publicidade dos seus servizos profesionais e comunicacións comerciais ao disposto pola legalidade vixente.

2- Suporá unha infracción deontolóxica que o farmacéutico se atribúa por calquera medio unha titulación ou diploma oficial para acreditar unha formación ou capacitación que non posúe, sen prexuízo das responsabilidades doutra orde en que puidese incorrer.

Artigo 45. Publicidade de centros ou establecementos sanitarios.

O farmacéutico que pretenda realizar publicidade ou subministrar información dos centros ou establecementos sanitarios, así como dos servizos e prestacións que neles se realizan, deberá axustarse ao establecido pola lexislación específica sobre a materia e, en todo caso, respectar o contido da autorización sanitaria de tales centros ou establecementos.

Capítulo XII

DA OBXECCIÓN DE CONCIENCIA

Artigo 46. Obxección de conciencia do farmacéutico.

1- A obxección de conciencia do farmacéutico é un dereito que ampara, en determinadas circunstancias, a negativa deste a someterse a unha conduta xuridicamente esixida cando esta supoña violentar seriamente a súa conciencia por ser contraria ás súas conviccións morais ou éticas.

2- A obxección de conciencia ampara o farmacéutico a título individual por razóns de conciencia e moral persoal, polo que non cabe a súa aplicación de xeito colectivo ou institucional, nin para amparar actuacións baseadas en criterios de conveniencia ou oportunismo.

3- A obxección de conciencia non é a canle axeitada para resolver conflitos derivados de controversias científicas, técnicas e profesionais.

4- A obxección de conciencia non pode amparar a negativa do farmacéutico a realizar unha actuación profesional fundamentada en razón de características individuais da persoa que demanda a súa actuación, tales como raza, sexo, relixión ou ideoloxía.

Artigo 47. Exercicio da obxección de conciencia.

1- O exercicio do dereito á obxección de conciencia polo farmacéutico non debe limitar ou condicionar o dereito á saúde das persoas. Por iso, o farmacéutico obxector poderá comunicarlle esta circunstancia á autoridade responsable de garantir a prestación, para os efectos de que se articulen os mecanismos necesarios para evitar menoscabo no dereito a saúde da poboación e nos dereitos de persoas establecidos pola lexislación.

2- O farmacéutico obxector deberá adecuarse ás canles establecidas para o exercicio do dereito de obxección de conciencia nos casos en que esta se atope regulada pola lexislación vixente.

3- O farmacéutico poderá comunicarlle a súa condición de obxector de conciencia ao seu colexio para os efectos previstos na normativa estatutaria, cuxo tratamento polo colexio ineludiblemente será absolutamente confidencial.

4- O exercicio do dereito de obxección de conciencia polo farmacéutico que o invoca non debe ocasionarlle prexuízos nin vantaxes.

5- O exercicio da obxección de conciencia polo farmacéutico perante unha actuación demandada por un paciente ou usuario non debe perseguir nunca a imposición das conviccións do farmacéutico á persoa que demanda a súa actuación.

Capítulo XIII

DA INVESTIGACIÓN E AS PUBLICACIÓNS PROFESIONAIS

Artigo 48. Principios reitores da actividade investigadora.

1- O farmacéutico investigador, mesmo recoñecendo a importancia que a investigación de novos medicamentos e técnicas ten sobre a sociedade e a ciencia, anteporá sempre a saúde e dignidade dos seres humanos sometidos a experimentación.

2- Toda investigación que leve consigo experimentación sobre seres humanos ou animais deberá estar cientificamente xustificada e contar coa existencia dun protocolo concreto, axeitado e rigoroso, aténdose ao establecido na lexislación sobre a materia, así como ás regras e esixencias do traballo científico.

3- O farmacéutico levará a cabo a actividade investigadora co máximo rigor científico e intelectual e terá presente a obriga de veracidade en todas as súas fases, polo que non deberá tomar decisións ligadas a intereses económicos, comerciais, persoais ou de calquera outro tipo que puidesen comprometer a dita obriga.

4- Cando un farmacéutico participe nunha investigación científica patrocinada por unha empresa farmacéutica deberá condicionar a súa participación a dispoñer de liberdade para a publicación dos resultados, cando lexitimamente corresponda, con independencia de que estes sexan favorables ou non dende a perspectiva da empresa patrocinadora.

Artigo 49. Control na investigación sobre seres humanos.

1- O farmacéutico que participe en proxectos de investigación sobre seres humanos asegurarase de que estes se realizan con todas as garantías deontolóxicas e cumprindo os requisitos legais vixentes en cada momento, así como que o proxecto se someta á aprobación previa dun comité ético de investigación cando resulte procedente ou necesario.

2- A investigación sobre seres humanos debe realizarse cando o avance científico non sexa posible por outros medios alternativos de eficacia comparable ou naquelas fases da investigación nas que sexa imprescindible. A investigación que leve consigo experimentación sobre seres humanos deberá precederse, sempre que iso sexa posible, da experimentación animal cun control e unha duración suficientes, e que os resultados sexan valorados con posibilidades de éxito.

3- Toda experimentación ou ensaio sobre seres humanos require do consentimento libre, expreso e por escrito do suxeito obxecto deste, obtido tras informalo de forma suficiente e adecuada polo menos sobre a natureza, obxectivos, métodos e beneficios da investigación ou ensaio, así como sobre os potenciais riscos, danos, molestias ou incomodidades que puidese ocasionar a súa participación. Así mesmo, será informado do seu dereito a non participar na experimentación e a poder retirarse libremente en calquera momento desta sen resultar por iso potencialmente prexudicado na súa saúde ou na atención sanitaria que puidese requirir.

4- A investigación que leve consigo a experimentación sobre seres humanos deberá garantir que os potenciais riscos ou prexuízos sobre as persoas que participen non sexan desproporcionados nin lle ocasionen mingua da súa conciencia moral ou da súa dignidade, e o farmacéutico que participe adoptará todas as precaucións posibles para minimizar os potenciais riscos e molestias que puidesen ocasionarlle.

5- Non é deontoloxicamente aceptable, consonte o establecido pola lexislación vixente, a participación do farmacéutico en actividades de investigación que supoñan a manipulación xenética de seres humanos sen finalidades diagnósticas ou terapéuticas, ou a creación de embrións humanos exclusivamente con fins de experimentación.

Artigo 50. Control na investigación en animais.

O farmacéutico que participe en actividades de investigación que leven consigo experimentación con animais evitará ou reducirá ao mínimo os sufrimentos, danos e molestias para estes que non sexan imprescindibles e xustificables en atención a fins de recoñecido valor científico e humano, debendo en todo caso cumprir cos requisitos e garantías establecidas na legalidade vixente sobre a materia.

Artigo 51. Divulgación da actividade investigadora e publicacións profesionais.

1- O farmacéutico investigador ten un compromiso coa veracidade, debendo publicar os resultados da súa investigación, apoiados en datos veraces e exactos, de xeito serio e rigoroso polas canles propias do ámbito da divulgación científica, con independencia de que os resultados sexan favorables ou non aos obxectivos iniciais do proxecto. Resulta deontoloxicamente incorrecta a manipulación e a ocultación dos resultados da investigación ou de datos relevantes sobre esta.

2- O farmacéutico, na divulgación dos resultados dunha actividade investigadora e nas publicacións profesionais, deberá:

a) Absterse de dar a coñecer de modo prematuro ou sensacionalista novos avances científicos insuficientemente contrastados, nin esaxerar o seu significado.

b) Distinguir claramente entre unha opinión e un traballo de investigación, asegurándose de que a publicación non xere dúbidas ao respecto.

c) Facer constar nelas toda colaboración, patrocinio, bolsa ou calquera fonte de financiamento recibido para o desenvolvemento do proxecto.

d) Respectar fielmente todas as cuestións relativas á autoría, cumprindo a legalidade en materia de propiedade intelectual, asegurándose de que o contido é orixinal e evitando o plaxio, non deixándose incluír como autor sen ter contribuído substancialmente ao deseño e realización do proxecto e facendo un uso apropiado e exacto das citas bibliográficas.

e) Asegurarse de que estas non permitan directa ou indirectamente a identificación de ningún paciente, agás que isto fose necesario e contase coa previa autorización expresa e por escrito destes para tal fin.

Capítulo XIV

DA DOCENCIA

Artigo 52. Formación universitaria.

Os farmacéuticos que exerzan no ámbito da docencia universitaria dos estudos de Farmacia velarán:

a) Pola boa calidade do ensino da profesión farmacéutica, dándolle a debida importancia ao coñecemento das regras e preceptos contidos no Código de Deontoloxía da Profesión Farmacéutica, para o cal se procurará a colaboración da organización farmacéutica colexial.

b) Por que os estudos de Farmacia se adecúen á evolución científica e técnica e ás necesidades sanitarias da poboación.

Artigo 53. Prácticas tuteladas.

1- Os estudantes de Farmacia poderán realizar as tarefas propias do seu período formativo, nos termos legalmente establecidos, sempre que estas se fagan baixo a supervisión dun farmacéutico responsable.

2- Os farmacéuticos responsables das prácticas tuteladas e a docencia asistencial deberán:

a) Cumprir axeitadamente as súas funcións, enfocando o dito labor a un fin formativo eminentemente práctico, formándose á súa vez na transmisión de coñecementos e avaliando os seus alumnos xustamente, evitando calquera prexuízo.

b) Dedicarlles aos seus alumnos o tempo necesario e axeitado para iso, así como favorecer que estes poñan en práctica os coñecementos e aptitudes adquiridos na súa formación.

c) Tratar correctamente os seus alumnos, dando exemplo coa súa actuación persoal e evitando, na medida do posible, corrixir o alumno no relativo á actuación profesional en presenza de pacientes ou de persoal colaborador.

d) Absterse de asignarlles aos seus alumnos tarefas ou funcións impropias para a finalidade docente ou que prexudiquen ou limiten a súa formación.

e) Velar por que os procesos de ensino e aprendizaxe se desenvolvan minimizando as molestias que puidesen supoñer para os pacientes e garantindo, en todo caso, que a presenza e participación do alumno non ocasione menoscabo ningún nos seus dereitos.

Artigo 54. Formación especializada.

1- Os farmacéuticos residentes deben adquirir, de forma programada e tutelada, os coñecementos e habilidades correspondentes á súa especialidade, mediante formación teórico-práctica, asumindo asemade e progresivamente a responsabilidade propia do seu exercicio autónomo.

2- Os farmacéuticos residentes teñen dereito a ser informados das funcións que teñan asignadas, e dos sistemas establecidos para a súa avaliación.

3- Os farmacéuticos residentes deben coñecer e cumprir a lexislación, as normas deontolóxicas e as normas de funcionamento aplicables na institución e o exercicio propio da unidade docente na que se integran, especialmente no relativo aos dereitos dos pacientes.

4- Os farmacéuticos residentes actuarán con suxeición ás indicacións dos seus titores e, en ausencia destes, ás dos especialistas da unidade docente na que se integran.

5- Os farmacéuticos residentes deben poder ser identificados polos pacientes como tales.