Regulamento do CGCOF

Normativa de aplicación

Regulamento do Consello xeral de Colexios oficiais de Farmacéuticos de España.

Artigo n.º 1. O Consello xeral de Colexios oficiais de Farmacéuticos será o único organismo oficial representativo e directivo da profesión farmacéutica e, como corporación, estará integrado, con carácter obrigatorio, por todos os colexios provinciais de farmacéuticos de España, que cumprirán obrigatoriamente coas ordes emanadas do Consello na esfera da súa competencia.

Artigo n.º 2. Os gobernadores civís e demais autoridades que dependan deste Ministerio prestarán o apoio máximo ao Consello xeral de Colexios para o máis exacto cumprimento dos fins que se determinan neste Regulamento.

TÍTULO PRIMEIRO

DO OBXECTO E FINS DO CONSELLO

Artigo n.º 3. Son funcións que corresponden con carácter exclusivo ao Consello:

a) Aprobar os regulamentos dos colexios provinciais sen intervención das xuntas provinciais de sanidade. Estes regulamentos redactaranse tendo en conta o preceptuado nos estatutos do 28 de setembro de 1934, cos necesarios esclarecementos, en canto non se opoñeren ao establecido no presente Regulamento.

b) Asumir a representación dos colexios nos asuntos de carácter xeral e sinalar, con carácter obrigatorio, as normas que considerar oportunas en asuntos internos da organización, fosen da orde que foren. Polo tanto, as peticións ou instancias que os colexios deban dirixirlles aos poderes públicos farano mediante o Consello xeral, e as dos colexiados a través dos colexios.

c) Vixiar o cumprimento da lexislación sobre farmacias e o seu perfeccionamento, a cuxo fin creará e sustentará, con cargo aos seus orzamentos, un corpo de inspectores de ámbito nacional, que xestionará das autoridades cantas disposicións estimar oportunas para mellorar técnica e profesionalmente a clase que representan, así como a mellora social, moral e económica.

d) Defender os dereitos da colectividade farmacéutica e servir de árbitro nas diferenzas que xurdiren entre os colexios, e mesmo no seo destes, cando así se lle requirir, ou cando, sen se lle requirir, considere precisa a súa intervención.

e) Publicar cantos impresos fosen necesarios para organizar e someter, antes da súa publicación, á aprobación da Dirección xeral de Sanidade os modelos de libros copiadores de receitas, os do rexistro de estupefacientes, as tarifas, así como os precintos de garantía e, en xeral, de todo aquilo que fose necesario para o bo funcionamento das oficinas de farmacia e laboratorios. De modo análogo, ditará as normas adecuadas para a uniformidade das etiquetas de rotulación das fórmulas maxistrais.

f) Comparecer con plena personalidade perante os tribunais e xulgados de calquera orde, mesmo os especiais, para exercer toda clase de dereitos e accións, a cuxo fin este Regulamento lle concede facultade ao presidente da corporación para outorgar os correspondentes mandamentos en nome desta.

g) Crear, cando o estime necesario, seccións que, dentro do seu seo, harmonicen as relacións ou intereses dos diversos sectores farmacéuticos. Estas seccións, ao creárense, confeccionarán os seus respectivos regulamentos, e regularán o seu desenvolvemento dentro do Consello e someteranse á aprobación deste. Os acordos daquelas non terán forza executiva sen a previa autorización do Consello.

h) Regular o horario de abertura e peche das oficinas de farmacia, así como o descanso dominical, e garantir o servizo público mediante as correspondentes quendas de garda, facultade que poderá delegar nos colexios cando así o estimar oportuno.

i) Inspeccionar cando o estimar conveniente, ou por requirimento das autoridades sanitarias, ou ben cando o pediren a maioría dos colexiados, o funcionamento e xestión dos colexios, e adoptar as medidas que estimar convenientes; o Consello poderá cargar os gastos da inspección ao colexio respectivo.

j) Concertar como organismo exclusivo cuanto se referir á prestación do servizo farmacéutico nos seguros sociais, e establecer os convenios necesarios cos ministerios respectivos ou organismos en quen estes delegaren e sinalar as normas necesarias para cumprir con estes convenios.

Vixiar para que as relacións dos colexiados cos organismos do seguro se fagan a través dos colexios provinciais, que porán os asuntos en coñecemento do Consello para a súa aprobación.

As cuestións que se suscitaren entre os colexios e os organismos do seguro poranse en coñecemento do Consello, que obrará en consecuencia.

Así mesmo, indicará as normas que procederen, de conformidade coas disposicións vixentes para cumprir co Servizo farmacéutico de beneficencia, de sociedades de asistencia-médico-farmacéutica (seguros libres), accidentes do traballo e demais entidades de tipo análogo.

Os colexios efectuarán a facturación, liquidación e distribución do importe das prestacións farmacéuticas antes citadas, salvo naqueles casos que se considerar preciso que estas operacións as realice o Consello.

k) Prestar a súa máis decidida e entusiasta colaboración co Colexio de Orfos de Farmacéuticos para o maior e mellor desenvolvemento de tan beneficiosa e humanitaria institución.

l) Fomentar e tutelar os actos de carácter científico e profesional que organizaren os colexios e dos cales deberán dar conta ao Consello.

m) Deberá instituír premios, bolsas e distincións, cuxa concesión se estipulará en regulamentos de orde interior.

Título II

DO FUNCIONAMENTO DO CONSELLO

Artigo n.º 4.

Un.

a) O Consello xeral estará constituído por: Presidente, tres vicepresidentes, secretario, tesoureiro, contador, que serán elixidos por todos os presidentes dos colexios oficiais de farmacéuticos.

b) Dezasete vogais, correspondentes a:

—Un por cada unha das comunidades autónomas de Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco e Cataluña.

—Un por cada un dos entes preautonómicos de Aragón, Castela e León, Castela a Mancha, Valencia, Murcia, Estremadura, Andalucía, Baleares e Canarias.

—Un por cada unha das provincias de Madrid, A Rioxa e Navarra.

Os colexios de cada comunidade autónoma, ente preautonómico e provincia que quedaron reflectidos neste apartado b) elixirán o seu vogal representante no Consello xeral mediante un sistema uniforme, aprobado pola Asemblea xeral de colexios oficiais de farmacéuticos.

c) Once vogalías, representantes das seccións de inspectores farmacéuticos municipais, farmacéuticos analistas clínicos, farmacéuticos na distribución, farmacéuticos na industria, farmacia hospitalaria, farmacéuticos de óptica oftálmica e acústica audiométrica, farmacéuticos na alimentación, dermofarmacia, ortopedia, de oficina de farmacia e de investigación e docencia.

Dous.

O presidente, secretario e tesoureiro deberán comprometerse no momento da presentación de candidaturas a fixaren a súa residencia na localidade onde teña sede o Consello xeral de Colexios oficiais de Farmacéuticos.

Artigo n.º 5. O Consello renovarase por metade cada tres anos e as eleccións celebraranse en Madrid, no local do Consello xeral.

A mesa electoral estará presidida polo presidente de maior idade entre os asistentes e dous vogais, tamén presidentes, escollidos entre o que segue en idade ao anterior e o máis novo, asistidos, en calidade de secretario, polo que o for do Consello xeral. Do resultado dela levantarase a acta oportuna, que se lle transmitirá á Dirección xeral de Sanidade, que confirmará os nomeamentos correspondentes.

Na primeira renovación parcial cesarán: o vicepresidente, o secretario, o contador e os vogais pares. Na segunda renovación cesarán: o presidente, o tesoureiro e os vogais impares.

Artigo n.º 6. Elección de cargos. As normas que rexan as convocatorias para a provisión de vacantes no Consello xeral de Colexios oficiais de Farmacéuticos axustaranse aos seguintes criterios xerais:

Un. Sistema ordinario.

a) Da candidatura xeral.

1. Incluirá os cargos de presidente, vicepresidente, secretario, tesoureiro e contador, segundo proceda, de acordo co establecido no Artigo n.º 5 da Orde Ministerial, do 16 de maio de 1957, e que serán declarados vacantes polo Consello xeral con quince días de antelación, como mínimo, á proclamación dos candidatos.

2. Poderán ser candidatos a ditos postos todos os farmacéuticos colexiados, que non fosen obxecto de sanción disciplinaria por falta grave, nin inhabilitados por sentenza firme para o exercicio da profesión ou cargo público. Así mesmo, deberán acreditar un mínimo de tres anos de exercicio profesional en calquera modalidade para a que os capacitar o seu título.

3. Serán electores para esta candidatura xeral os presidentes dos colexios oficiais de farmacéuticos ou quen estatutariamente os substituír.

b) Candidaturas específicas.

1. Estableceranse candidaturas específicas para elixir os vogais correspondentes ás comunidades autónomas e para cada unha das vogalías de sección.
Para tal efecto, o Consello xeral publicará as vacantes que deben cubrirse, de acordo co establecido no Artigo n.º 5 da Orde, do 16 de maio de 1957, con quince días de antelación, como mínimo, á proclamación de candidatos.

2. Poderán ser candidatos para as vogalías correspondentes a comunidades autónomas, ademais dos presidentes dos colexios oficiais de farmacéuticos que compoñeren a comunidade autónoma, os farmacéuticos colexiados en calquera deses colexios provinciais e que sexan propostos pola maioría dos membros dunha Xunta de Goberno daqueles.

Para os vogais de sección, poderán ser candidatos, ademais dos vogais das correspondentes seccións colexiais, calquera farmacéutico colexiado que exercer a profesión na modalidade de exercicio que representar a sección cunha antigüidade dun ano, como mínimo.

Non se permitirá ningún candidato que fose obxecto de sanción disciplinaria, por falta grave, nin inhabilitado por sentenza firme, para exercer a profesión ou cargo público.

3. Serán electores para as vogalías correspondentes ás comunidades autónomas os presidentes dos colexios oficiais de farmacéuticos que compoñeren a respectiva rexión ou persoas en quen delegaren. Nas comunidades uniprovinciais serán electores os integrantes da Xunta de Goberno dos colexios oficiais de farmacéuticos respectivos.

Para as vogalías de sección serán electores todos os representantes das respectivas seccións de cada un dos colexios oficiais de farmacéuticos.

Dous. Provisión transitoria.

As vacantes que se produzan no período comprendido entre dúas eleccións sucesivas proveranse de acordo co seguinte procedemento:

a) Os cargos de presidente, vicepresidente, secretario, tesoureiro e contador cubriranse por elección do cargo que produza a vacante, na Asemblea de presidentes, que, para tal efecto, o Pleno do Consello xeral convocará, baixo a normativa que o citado Pleno aprobar en cada caso, e servirá de base para ditas normas a anterior renovación regulamentaria.

b) Cando as vacantes se produzan nas vogalías de sección ou autonómicas, procederase a convocar, dentro do mes seguinte ao cal se producir a vacante, a elección de dito representante no Pleno, axustándose á normativa que rexer na inmediata renovación do Pleno do Consello.

c) Os cargos así cubertos desempeñaranse polo tempo que medie desde esta elección extraordinaria ata a primeira renovación regulamentaria, aínda que non correspondese pór en vacante dito cargo.

Tres. Ausencias do presidente.

Nos casos de ausencia por doenza, desprazamento ou calquera outra causa, o presidente do Consello nomeará o vicepresidente de maior antigüidade na inscrición ao colexio para o substituír polo tempo que mediar dita ausencia.

Artigo n.º 7. Dentro do Consello xeral, constituirase unha Xunta permanente que estará formada polo presidente, os tres vicepresidentes, o secretario, o tesoureiro e o contador. Así mesmo, en cada renovación regulamentaria do Pleno do Consello xeral, e na primeira sesión que este órgano celebrar, designaranse os vogais que se especifican no apartado b) do artigo cuarto, e das vogalías de sección, ás cales se refire o apartado c) do mesmo artigo, e aqueles non poderán exceder de catro, nin estes de dous membros

Artigo n.º 8. A Xunta permanente será a encargada de executar os acordos do Consello e de resolver os asuntos de trámite e de carácter urxente, dando conta no seu día da resolución adoptada polo Pleno do Consello. A Xunta permanente reunirase, polo menos, unha vez ao mes e levará o seu libro de actas correspondentes.

Artigo n.º 9. A Tesourería do Consello satisfará os gastos que se lles ocasionen aos membros do Consello pola súa asistencia ás reunións do Pleno e da Xunta permanente. Así mesmo, esta aboará os gastos irrogados aos conselleiros cando estes se trasladaren fóra do lugar da súa residencia, por acordo da Xunta permanente ou orde do presidente do Consello.

O presidente e o secretario do Consello percibirán, para atender a gastos de representación, unha cantidade anual que acorde o Pleno, e que non poderá exceder, para cada un destes, do 2,50 por 100 do orzamento ordinario de ingresos do Consello. Así mesmo, o tesoureiro percibirá a suma que acorde o Pleno en concepto de quebrantamento da caixa, que non poderá exceder da consignada para o presidente e secretario.

Artigo n.º 10. Do presidente. Presidirá as reunións da Xunta permanente, do Pleno e da Asemblea; autorizará coa súa sinatura todas as comunicacións oficiais, revisando a correspondencia cando o estime conveniente, e actuará en toda clase de asuntos nos cales a entidade teña que intervir, e poderá delegar en calquera vicepresidente, e fixará a orde do día de cada Xunta; levará, en suma e con toda amplitude, a dirección do Consello. Como representante deste, poderá outorgar, de acordo co artigo terceiro, apartado f) o correspondente mandato a favor de procuradores, para litigar dereitos ou exercitar accións de calquera índole que afecte á clase farmacéutica.

Artigo n.º11. Dos vicepresidentes. Substituirán o presidente, nos casos previstos no Artigo n.º 6, apartado tres, seguindo a prelación sinalada neste, por orde de antigüidade na inscrición no colexio.

Artigo n.º 12. Do tesoureiro. Levará a contabilidade do Consello co persoal auxiliar preciso e custodiará os fondos daquel.



Artigo n.º 13. Do contador. Confrontará e asinará os libros de contabilidade conxuntamente co tesoureiro e substituirao no caso de ausencia ou doenza.



Artigo n.º14. Do secretario. Terá ao seu cargo a redacción e sinatura de documentos, despacho de correspondencia, arquivo, rexistro de afiliados, de disposicións lexislativas e administrativas, redacción de actas, e vixiará o bo funcionamento da oficina de Secretaría, e porá en coñecemento da Xunta as irregularidades que observar. Proporalle a esta o nomeamento, a substitución e a destitución do persoal de Secretaría, previo o cumprimento das fórmulas que procederen.

Artigo n.º 15. Dos vogais. Os elixidos como representantes de sección terán ao seu cargo o estudo dos asuntos que corresponderen a aquelas, e informarán, por escrito, das resolucións que propuxeren. Igualmente informarán, por escrito, dos asuntos que para o seu estudo lles encomendar a Presidencia ou a Secretaría. O resto dos vogais encargaranse das comisións, seccións ou traballos que a Presidencia lles encargar. No caso de se crearen novas seccións, o presidente designará o vogal que deberá dirixilas, ata provisión regulamentaria.

Artigo n.º 16. Son atribucións da Xunta directiva:

Primeiro. Cumprir e facer cumprir o regulamento e os acordos que emanaren do Consello.

Segundo. Resolver cantas dúbidas poidan xurdir sobre a interpretación do presente Regulamento e sobre os casos non previstos neste.

Terceiro. Nomear e separar os empregados que prestaren os seus servizos no Consello.

Cuarto. Impor as sancións que o presente Regulamento determinar no seu título cuarto.

Artigo n.º 17. A representación do Consello en calquera organismo tena o presidente, o cal, no caso de non poder asistir, delegaraa en calquera dos vicepresidentes, e se estes non residiren en Madrid, no membro da directiva en quen o presidente delegar. Se o Consello tiver que designar máis dun representante, alén do presidente, estes serán nomeados pola Xunta permanente, á cal lle darán conta da súa actuación.

Artigo n.º 18. Correspóndelle ao Consello xeral de Colexios Farmacéuticos convocar e organizar Asembleas xerais de colexios. A asistencia a estas Asembleas é de carácter obrigatorio para todos os colexios, que poderán enviar ata dous representantes; un necesariamente será o presidente ou quen o representar, e outro o designado libremente pola Xunta do colexio respectivo. Terán voz na Asemblea os dous representantes, pero só terá voto o presidente ou quen o estiver representando. Estas Asembleas rexeranse polas normas que, en cada caso, o Consello acordar e non tratarán máis asuntos que os incluídos na convocatoria, na cal necesariamente haberá unha quenda de rogos e preguntas. A convocatoria para estas Asembleas, con orde do día, cursarase cun mes de antelación.

Estas Asembleas celébranse, polo menos, unha vez cada tres anos.

Título III

DOS FONDOS SOCIAIS

Artigo n.º 19. O Consello formulará anualmente o seu orzamento ordinario de ingresos e gastos. Este orzamento cubrirá os fins propios do Consello cos seguintes ingresos: cotas dos colexios, en proporción ao número de colexiados adscritos e previamente fixada polo Consello para cada un deles; venda de impresos; libros copiadores de receitas; de rexistro de estupefacientes; de precintos de garantía; intereses de valores; bens ou títulos do Estado: doazóns, etc. En canto aos gastos, consignaranse os propios para o funcionamento do Consello.

Os tesoureiros dos colexios estarán obrigados a xirárenlle ao Consello xeral as cantidades que a Asemblea xeral de colexios oficiais de farmacéuticos asignar a cada un de ditos colexios e nos prazos que, así mesmo, a indicada Asemblea determinar. De igual modo, estarán obrigados a enviaren, ao finalizar cada trimestre, unha relación nominal xurada dos colexiados inscritos.

Tendo en conta a proposta do tesoureiro, o Consello aprobará a transferencia de fondos dun capítulo a outro deste orzamento.

Sen prexuízo do disposto anteriormente, as cantidades non pagadas polos colexios poderán facerse efectivas por vía xudicial, e responderá o colexio debedor de cantos gastos este procedemento orixinar, ou calquera outro que se levar a cabo.

Artigo n.º 20. Finado cada exercicio anual, presentará o tesoureiro, para o seu estudo e aprobación polo Consello, as contas detalladas e a liquidación do orzamento anterior. No seu día, daráselle conta á Asemblea.

Artigo n.º 21. Os fondos sociais, salvo a cantidade que o tesoureiro teña que ter no seu poder, estarán en conta corrente nun establecemento bancario, do cal poderán retirarse en todo, ou en parte, coa sinatura do tesoureiro e do presidente conxuntamente.

De estimalo oportuno o Pleno, poderá investirse o excedente en valores do Estado, calquera outra clase de valores ou en bens inmobles.

Título IV

FALTAS E SANCIÓNS

Artigo n.º 22. O Consello xeral de Colexios ditará normas con carácter obrigatorio para o funcionamento dos colexios oficiais de farmacéuticos e considerarase unha falta o incumprimento, a omisión ou o atraso na execución destes.

Artigo n.º 23. As faltas poderán considerarse como leves e como graves, segundo a transcendencia que para o normal funcionamento do Consello puidesen ter, e cuxa transcendencia e cualificación a Xunta directiva determinará expresamente en cada caso.

Artigo n.º 24. As faltas leves poderán castigarse:

a) Coa simple advertencia, para non incorrer novamente na falta cometida.

b) Coa amoestación privada.

A reincidencia nas faltas leves poderá considerarse grave cando a Xunta así o acordar.

Artigo n.º 25. As faltas graves poderán castigarse:

a) Coa amoestación pública, que se fará constar no libro de actas da corporación, e daráselle conta ao colexio amoestado.

b) Coa destitución total ou parcial da Xunta directiva do Colexio que a cometer, e inhabilitarase, se proceder, aos destituídos para seren elixidos o tempo que se acordar.

Artigo n.º 26. O Consello entenderá nos recursos relacionados coa denegación de ingreso dos farmacéuticos que solicitaren a inscrición no colexio, como así mesmo, nos casos de apelación que se promoveren contra as sancións e multas impostas polos colexios. Os recursos tramitaranse, por intermedio dos colexios respectivos, e, no suposto de a sanción ser pecuniaria, ingresarase o importe desta na Caixa Geral de Depósitos ou nas súas sucursais á disposición do Consello, e deberá unirse o comprobante de tal depósito ao escrito de recurso.

Artigo n.º 27. Contra o fallo do Consello poderá recorrerse, en última instancia, perante o Ministerio da Gobernación que resolverá en definitiva. O prazo para interpor as apelacións indicadas é de quince dias hábiles, a partir da notificación do fallo, e advírtese ao sancionado do seu dereito á interposición do recurso e prazo que se lle concede para tal fin.

Título V

REFORMA DO REGULAMENTO

Artigo n.º 28. A Xunta directiva, cando o estimar conveniente aos intereses da clase, poderá proporlle á Asemblea a reforma de total ou parcial do presente Regulamento, e unha vez sancionado por aquela someterao á súa competencia para a súa aprobación.

Título VI

DAS SECCIÓNS DE FARMACÉUTICOS TITULARES, ANALISTAS, DIRECTORES TÉCNICOS DE ALMACÉNS DE DROGAS, LABORATORIOS DE ESPECIALIDADES FARMACÉUTICAS E DE FA...

Artigo n.º 29. Dentro do Consello xeral de Colexios oficiais de Farmacéuticos constitúense as seccións de farmacéuticos titulares, analistas, directores técnicos de almacenes de drogas, laboratorios de especialidades farmacéuticas e farmacéuticos de hospitais, cuxas facultades e deberes serán os que marquen os seus respectivos Regulamentos de orde interior, que virán obrigados a confeccionar e presentar ao Consello, a teor do disposto no apartado g) do Artigo n.º 3 deste Regulamento.

Os colexios vixiarán para que as xestións dos colexiados perante os organismos públicos se fagan a través das seccións provinciais dos colexios, que lle transmitirán os problemas que aqueles formularen ao Consello para a súa resolución, cando proceder.

Artigo n.º 30. Os farmacéuticos titulares enviarán, dentro do primeiro trimestre de cada ano, á sección respectiva do colexio ao cal estean adscritos, unha memoria, por duplicado, dos traballos realizados no ano anterior, cuxa sección remitirá un exemplar de dita memoria á correspondente do Consello para o seu coñecemento e arquivo.

Título VII

DO «BOLETÍN DE INFORMACIÓN DO CONSELLO»

Artigo n.º 31. O Consello xeral publicará un «Boletín», órgano da clase, con todas as seccións que requiriren as variadas necesidades da profesión.

Artigo n.º 32. A Dirección do «Boletín» será asumida pola Xunta directiva, e pola súa delegación pola Xunta permanente. A Administración será desempeñada polo tesoureiro do Consello.

Artigo n.º 33. Todos os colexios oficiais de farmacéuticos disporán no «Boletín», con carácter preferente, do espazo preciso para publicaren extractos das súas actas, circulares, convocatorias, etc., en canto o permitir o orixinal urxente de cada número.

Tamén disporán do espazo conveniente, con igual limitación, as seccións que integran o Consello.